28ª EDICIÓN FESTIVAL DE TEATRO GALEGO. Do 5 ao 9 de setembro, no Carballiño (Ourense)
O Festival de Teatro Galego (FETEGA) nace no Carballiño en 1989 da paixón dun grupo de persoas afeccionadas ao teatro que deciden crear a Asociación Cultural FETEGA, co fin de dar a coñecer este arte ao maior número de persoas posibles. É un festival de teatro referente e único na nosa comunidade, pola súa temática, xa que se centra exclusivamente nas artes escénicas producidas en Galicia. Un festival de galegos para galegos, que pon en valor a inmensa calidade dos actores, actrices, directores e traballadores do sector das artes escénicas galegas.
No FETEGA, o público pode vivir unha experiencia inmersiva nas artes escénicas desfrutando, ao longo dos 5 días, dos mellores espectáculos de teatro realizados en Galicia e dunha experiencia única na que empaparse de teatro polos catro costados. Obradoiros, conferencias, teatro de rúa e unha morea de actividades paralelas á programación oficial garanten que a visita ao FETEGA sexa unha experiencia diferente que consegue atraer novas audiencias ao evento.
Nestas pasadas 27 edicións pasaron xa polos escenarios do FETEGA máis de 180 COMPAÑÍAS GALEGAS, e preto de 60.000 ESPECTADORES desfrutando do teatro. O FETEGA ofrece tamén unha experiencia de participación e contacto directo co evento, contando con voluntarios/as, que poden inscribirse a través dun formulario no web www.fetega.gal. Igualmente, conta este 2017 con máis de 50 establecementos colaboradores.