PRESENTANDO O 29º FETEGA -FESTIVAL DE TEATRO GALEGO- EN OURENSE

O martes 7 de agosto presentouse na Deputación Provincial de Ourense a 29ª EDICIÓN DO FETEGA -FESTIVAL GALEGO DE TEATRO-, o festival referente e máis antigo de Galicia, que ten lugar no Carballiño do 22 ao 24 de agosto de 2018.

A presentación do festival contou coa presenza das autoridades locais e provinciais, así como a actores e actrices que estarán presentes nesta 29ª edición do festival. No acto gardouse un sentido minuto de silencio polo falecemento do actor Ernesto Chao, seguido dun forte aplauso.

Manuel Doval, deputado provincial de Cultura

Destacou o apoio da Deputación Ourensá ao festival como ‘referente galego das artes escénicas e un evento dos galegos para os galegos’. Artes escénicas producidas en Galicia. Lamentou o falecemento do actor Eernesto Chao, e pediu a cooperación entre as administracións para apoiar á cultura galega en xeral e ao teatro en particular. “As persoas somos o que sentimos, no o que aparentamos. Loitemos pola liberdade e a igualdade, sen etiquetas”. Pediu tamén que o teatro estea presente na educación.

Francisco Fumega, alcalde do Carballiño

Manifestou o orgullo da vila en acoller un ano máis o festival, referente do teatro galego. Enviou unha “perta á familia de Ernesto Chao e a toda a familia do teatro”. Salientou a importancia da continuidade e a labor que fai o FETEGA e convidou a todos a vir ao teatro e ao probar tamén estes días o polbo do Carballiño.

Manuel Carballeda, administrador da empresa Montañesa

O representante da empresa patrocinadora do evento desde hai varias edicións, agradeceu o poder colaborar co festival, tantos anos e contribuír co grao de area desde a súa empresa para axudar a facer posible o evento. lembrou tamén a Ernesto Chao e ratificou o compromiso da súa empresa co festival.

Josi Lage, directora do FETEGA

Pediu un minuto de silencio na memoria de Ernesto Chao, onde todos os presentes se puxeron en pe, instante seguido dun fortístimo aplauso, nun momento moi emotivo. Presidiu en todo momento a mesa a súa foto actuando o ano pasado no FETEGA. O actor recentemente falecido, presentara no FETEGA 2017 neste mesmo acto  coa cía. Redrum teatro a estrea absoluta en España da súa produción ‘A Canción do Elefante’.

A directora fixo mención á falta de apoio económico desde o AGADIC, a axencia galega das industrias culturais, que este ano non concedeu axuda ao festival, o único exclusivamente en galego.

Josi presentou a programación e as novidades desta 29ª edición, cun programa variado con especial visibilidade da muller, con 90% da programación composta por mulleres, de mañá tarde e noite ao longo de 3 xornadas, e para todos os públicos. Pasacalles polo día, Barafunda co Polbo escapista, pases todos os días. O programa terá lugar en tres localizacións: ao aire libre no anfiteatro, na casa da cultura e no auditorio. No anfiteatro, circo onde os equilibrios e aéreos xogan esta edición un importante papel. Espectáculos de Totum Revolutum. Pista Catro e Duelirium.

Todas as actividades serán de balde, agás as representacións nocturnas -no auditorio- a un prezo de 10 euros. Ademais, haberá animación nas rúas e diferentes actividades paralelas, como a mesa redonda de actrices: “Pasado, presente e futuro das mulleres na escena galega

Avanzou parte do contido dos premios FETEGA, que a edición anterior pasaron a chamarse Premios FETEGA Dorotea Bárcena, en memoria da actriz. Desvelou o premio de honra 2018 desta edición será para Marta Pazos. Marta é unha pontevedresa nada no 1976, afincada en Santiago, directora de escena, actriz e escenógrafa, tamén dramaturga e licenciada en Belas Artes. Traballa no teatro de Oporto, no CDG ou coa coa Fura del Baus. Funda a súa compañía, Voadora, onde levou máis de 10 premios, entre eles o da crítica de Galicia.

A gala do sábado que pecha o festival, estará conducida por Laura Villaverde, de Artesa Compañía. Agradeceu nun escrito a súa inclusión no marco do festival, onde presentará tamén a súa obra “Chola a It Girl”, que fala de temas universais e locais, denominada obra “glocal”.

Desvelou os nomes do xurado de luxo: Víctor Dupla, María Vázquez e Morris. Non hai premio ao mellor actor, que pasa a un novo premio para os espectáculos de rúa. O premio ao mellor espectáculo será elixido polo público. Destacou que a figura que se entrega como premio de honra foi deseñada por Octavio Cerviño, esmaltista artesán.

Finalmente, falounos tamén da obra “Elisa e Marcela”, da compañía A Panadaría exemplo de loita pola xustiza, a liberdade. Contada desde a comedia, que permite abordalo dun xeito diferente, visibilizando as desigualdades das artes escénicas e da sociedade en xeral. Buscamos sumar un grao de area ao respecto pola sexualidade e especialmente o colectivo LGTB. 7 premios, 4 maría casares, premio de honra, premio diversidade, premio do público.

Agradeceu o apoio das entidades públicas e privadas, como a empresa Montañesa, e o do equipo de traballo, a empresa GFStudio, responsable do deseño e contidos audiovisuais, Animatium do traballo de coordinación, e Intanxibles de comunicación e rr.pp. Agradeceu tamén o traballo dos voluntarios/as, que poden inscribirse ata o 10 de agosto no web www.fetega.gal.

Varios dos actores e actrices presentaron as obras e actividades que van desenvolver nesta edición.

Stephy Llaryora, da compañía De Ste Xeito Producións

Presentou a obra “Loló e mamá”, unha peza teatral basesada dunha historia real, unha traxicomedia “montaña rusa de emocións” que fai que saian báboas e sorrisos. Agradeceu ao festival contar con ela, que fai 2 anos que vive en Galicia e fala un perfecto galego, compromiso que asumiu coa lingua e o teatro.

Diego Freire, da AAAG -Asociación de actores e actrices de Galicia-

Representa a máis de 300 actores e actrices, falou do taller onde colaboran festival, co curso de “Pedra, papel, belisco, laboratorio de performance” impartido por Alba Blanco e María Roja, e dirixido a creadoras e creadores.

Por |2018-10-09T21:09:09+02:00agosto 9th, 2018|Comunicación interna, Consultoría, Prensa, RR.PP., Social media|Comentarios desactivados en PRESENTANDO O 29º FETEGA -FESTIVAL DE TEATRO GALEGO- EN OURENSE
Ir a Arriba