Máis de 30.000 persoas déronse cita en Arzúa a pesares do mal tempo
A pregoeira Benedicta Sánchez, e os concertos de Tequila e Luar na Lubre, os momentos máis destacados.
Durante a fin de semana de celebración do #queixo2020 milleiros de persoas visitaron Arzúa. O éxito de público reflíctese especialmente na alta participación das actividades programadas. Especialmente destacable foi a afluencia do sábado, cun recinto feiral moi concorrido a pesares do tempo, ata o punto de que algunhas queixerías víronse obrigadas a repoñer xénero o propio sábado.
Por outra banda, os obradoiros, degustacións, actuacións musicais e a inauguración dun “paso de vaca” ao lado do recinto feiral na xornada do sábado, foron, ademais da agardada presencia da pregoeira Benedicta Sánchez e os concertos, os pratos fortes da programación. A actuación de El Capitán Elefante, puxo o público no punto adecuado para recibir, como se merecen, nada máis e nada menos que a Tequila. Por eles non pasa o tempo, como quedou ben demostrado vendo a xente bailar un rock and roll na praza do pobo. Clavando os seus temas, e conectando con toda a audiencia de diferentes xeracións que abarrotou a carpa, no último concerto en Galicia da súa carreira como banda.
Foi o momento de Novedades Carminha encheron de modernidade e humor cada recuncho da praza cos seus temas de coidada musicalidade e letras desinhibidas e cheas de diversión.
Para rematar, Ladilla Rusa levaron un punto máis aló a noite, e co seu “electropop costumbrista de extrarradio” puxeron calor á noite arzuá nunha velada onde diversión e boa música, déronse cita por partes iguais.
Durante a xornada de hoxe cerca de 30 familias desfrutaron da actuación teatral de Tropa de trapo, co seu sonoro “Barquiño de Pau” na capela da Madanela, que precedeu á sesión vermouth levada a cabo por MJ Pérez, unha das máis prometedoras embaixadoras de Arzúa, quen fixo corear os seus temas, aos moitos fieis seguidores que se xuntaron para comezar último día do festival con boa música.
O Recinto Feiral pechou ás 18.30 h cando xa soaban os grandes Luar na lubre, que pecharon no noso escenario a xira “Ribeira Sacra” e permitíronnos desfrutar dun adianto do seu próximo espectáculo “Vieiras e vieiros”, antes de ceder o testigo a BAIUCA quen pechou as actuacións deixando a todos os asistentes con ganas de máis.
Nunha primeira valoración os queixeiros/as e o sector hostaleiro amósanse satisfeitos polas vendas e pola afluencia de público, tanto no Recinto Feiral como nos establecementos da vila.
Todos estes logros e melloras son froito do esforzo destes últimos anos, dun traballo feito con criterio e ilusión que responde a un proxecto máis aló do gastronómico. Un proxecto que implica a todas e todos, cunha dimensión que pretende poñer en valor o noso rico patrimonio para avanzar cara a un evento cada día máis forte e con máis repercusión, o que irá sempre en beneficio de todos.