Máis de 30.000 persoas queixeando en Arzúa na 44ª Festa do Queixo! Benigno Campos, o cociñeiro de «Larpeiros» da TVG inaugurou a edición 2019.
Durante a fin de semana de celebración do #queixo2019 milleiros de persoas visitaron Arzúa. O éxito de público reflíctese especialmente na alta participación das actividades programadas. Especialmente destacable foi a afluencia do sábado, cun recinto feiral moito máis concorrido que en anteriores edicións, atao punto de que algunhas queixerías víronse obrigadas a repoñer xénero o propio sábado. Por outra banda, os obradoiros, degustacións, actuacións musicais e exposicións do mapa de Galicia en queixo, monumento homenaxe ao queixo, e concurso de carteis, superaron todas as expectativas de público.
Na xornada do sábado os concertos foron o prato forte da programación. As actuacións dos finalistas do Queixo Maquetón, Inerttes, animaron ao público que se ía xuntando baixo a carpa, debido ás intermitentes aparicións da choiva durante os concertos, logo, infalibles, empáticos, e cun son e unha execución excelente, Los Secretos cativaron aos asistentes, convertendo por momentos o concerto, nun inmenso karaoke colectivo.
Para rematar, os Heredeiros da Crus, para os que tampouco pasa o tempo (quen diría que van xa máis de 25 anos desde A cuadrilla de Pepa a loba, aquel o seu primeiro traballo discográfico). Sempre engadindo un punto de humor
irreverente e ceibe, conseguiron facer subir ao propio alcalde arzuán, pouco dado aos baños de masas, a saudar desde o escenario a tod@s os presentes.
A enerxía acumulada foi aproveitada polas mezclas de Rafa Morcego DJ, que mantivo aos máis festivaleiros bailando ata o peche do Campo da feira.
Durante a xornada do domingo e cerca de 30 familias desfrutaron das didácticas e rockeiras cancións de Puño e Puñete na capela da Madanela, que precedeu á sesión vermouth levada a cabo por Broken Peach, que cun impecable espectáculo a cabalo entre o rock e o disco, fixeron un percorrido por máis de 30 anos de música de baile coa participación de maiores e pequenos. Foi tal conexión co público, que o concerto rematou cos sete integrantes baixando do escenario a bailar cos asistentes, que case enchían de novo o recinto. Estas actividades dan por cumprido con nota o obxectivo da organización de involucrar aos máis novos e facelos partícipes.
O Recinto Feiral pechou ás 18.30 h cando xa soaban Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, anticipando un peche de festa moi agardado, coa actuación de SES.
Todos estes logros e melloras son froito do esforzo destes últimos anos, dun traballo feito con criterio e ilusión que responde a un proxecto máis aló do gastronómico. Un proxecto que implica a todas e todos, cunha dimensión que pretende poñer en valor o noso rico patrimonio para avanzar cara a un evento cada día máis forte e con máis repercusión, o que irá sempre en beneficio de todos.