A Confraría de pescadores de Porto do Son dixitaliza os seus arquivos.

Presentou hoxe venres 23 o Arquivo dos Fondos Históricos Documentais Dixitalizados, denominado “Porto do Son Mariñeiro”. O acto celebouse ás 18 h no Auditorio Municipal de Porto do Son, e foi retransmitido en directo por streaming a través de Youtube e as redes sociais do proxecto.

 “Porto do Son Mariñeiro” é un escaparate virtual orientado á posta en valor do patrimonio material e inmaterial da Confraría de Pescadores de Porto do Son a través da organización, catalogación, descrición e dixitalización do seu arquivo. O arquivo documental ofrecerá de forma rápida y estructurada unha gran cantidade de información na rede permitindo localizala de xeito intuitivo e axigilizar a localización de datos na web www.archivo.confradiaportodoson.org.

Realizouse unha organización, inventario, catalogación, descrición e dixitalización dos seus fondos, poñendo a disposición do público xeral  máis de 1.600 expedientes dixitalizados, en concreto trátase de 1.629 expedientes, que equivalen a 39.000 imaxes, que permiten entender e coñecer a evolución da entidade e da propia vila de Porto do Son.  No acto interviron

Jesús Longueira, secretario da Confraría de pescadores de Porto do Son

Luís Oujo, alcalde de Porto do Son

Oria Ferreiro, técnico documentalista e de arquivo Unayta consultora tecnolóxica

Emilio Queiruga Santamaría, patrón Maior Confradía de Pescadores de Porto do Son

Rosa Quintana, conselleira do Mar da Xunta de Galicia

Ademais, contou coa presenza de autoridades locais, provinciais e autonómicas, patrocinadores, patróns maiores, directivos e representantes das confrarías e federacións galegas de pescadores.

O arquivo dixital da Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son insírese dentro do Proxecto de Recuperación e Posta en Valor dos Fondos Documentais Históricos da Entidade (Galp4-091), proxecto financiado ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar, aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) para o desenvolvemento sustentábel das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

A Confraría San Telmo de Porto do Son é un símbolo identificador da vila e da comarca, un verdadeiro sinal de identidade dunha institución pesqueira que soubo superar os avatares do paso do tempo, adaptándose ás vicisitudes de cada época e trazando o rumbo da política pesqueira local.

Desde 1923 cando se formalizou como Pósito de Pescadores de Porto do Son, o arquivo foi xerando a documentación que nos permite coñecer as orixes e evolución da institución que coñecemos hoxe.

 

A súa creación remóntase ao 15 de abril de 1923 cando ao abeiro da Real Orde do 5 de xaneiro de 1919 se crea o Pósito sonense, co obxectivo xa claro de solucionar os problemas pesqueiros do momento. O seu primeiro patrón foi José Abeijón Vidal, encargado de arrendar o primeiro local do Pósito, sito na planta baixa dunha casa sita na Rúa Isabel II.

En 1945 transformase na actual Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son e desde ese momento xogará un papel importante no desenvolvemento da vila, como así o testemuñan as diferentes xestións para dotar á vila dunha casa do pescador e a creación dunha escola entre outras.

Entre os documentos máis destacados está o primeiro libro de actas do Pósito, onde están rexistrados todos os acordos tomados polos órganos de goberno da confraría dende o 1923 a 1934.

Entre as funcións máis importantes da Confraría estaba a asistencia social aos socios e ás súas familias, a ordenación da pesca, a venda do peixe, e as melloras nas embarcacións, funcións que se reflicten claramente na documentación custodiada e á que se poderá ter acceso de maneira dixital.