Melide presentou no mercado de abastos de Santiago a programación do 30.º aniversario da súa Festa do Melindre e da repostaría tradicional. A xornalista Cristina Pampín dará pregón o domingo 8 de maio.

O Concello de Melide presentou hoxe xoves 7 de abril o 30.º aniversario da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, que se celebrará xusto dentro dun mes e contará con numerosas novidades.

O acto tivo lugar na aula gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago a partires das 12:00 h, e estivo precedido desde as 10:30 h dun café solidario con melindres cuxa recadación se destinará en axuda directa ao pobo ucraíno a través da ONG Itínera Faciendo Nenos de Ucraína en Galicia.

Interviron:

José Manuel Pérez, alcalde do Concello de Melide

O rexedor comezou a súa intervención destacando a historia da festa “Despois de dous anos nos que non se puido conmemorar a Festa do Melindre como se merece, estamos desexando poder compartir a Festa Máis Doce de Galicia con todo o mundo, na que homenaxeamos aos tres produtos que identifican a Melide:  os melindres, os ricos e os amendoados.” Ademais destacou “O patrimonio de Melide é máis que cruceiros, pazos ou casas grandes, é tamén o bo facer das súas xentes. Falar de melindres e melindreiros, é falar de gastronomía, tradicións e cultura.“ Anunciou a pregoeira 2022, a xornalista Cristina Pampín, e os embaixadores da festa, que serán a propia pregoeira xunto co chef pasteleiro Manuel Garea, Kike Piñeiro e Eloy Cancela, propietarios de A Horta D´Obradoiro, e os gañadores programa “Come a comarca” da CRTVG: Pedro Coego, propietario de O Recuncho do Convento e profesor da Escola de hostalaría de Lugo; José Mouriño, propietario de “A cantina de Eleu”; Román Varela, propietario da pastelaría Trisquel; Pablo Laya e Daniel Quintás.

 

Xosé Igrexas, concelleiro de promoción económica

O concelleiro explicou a programación polo miúdo do trixésimo aniversario destacou unha serie de novidades, como unha campaña promocional específica para o melindre realizada desde o mes de setembro de 2021, consistente nos obradoiros que se estiveron a realizar por toda Galicia, a presenza en numerosas feiras, e a organización da Festa en tres espazos desde este ano denominados: o Espazo Melindre (praza do Convento), o Espazo Rico (rúa do Convento) e o Espazo Amendoado (cantón).

Finalmente, expresou: “queremos voltar á orixe, resaltar o tradicional e o valor dos doces feitos na nosa terra”.

 

Alberto Rodríguez, presidente da Asociación de repostaría tradicional “Melide Terra Doce”

Centrouse na vontade de facer partícipes da historia local aos nenos de Melide. Para isto, os tres locais referencia da produción de melindres farán unha introdución do que son os doces e a historia de Melide, así como un taller de elaboración de produtos para coñecer o que significa a repostería local e como se traballou desde os inicios.

Ademais, anunciou os participantes no faladoiro que terá lugar o día 28 de abril: Miguel Vila (crítico gastronómico), Guillermo Moscoso (Pan da Moa de Santiago), Fátima Estévez (profesora na EFA A Cancela) e o propio Alberto Rodríguez (presidente Asociación Melide Terra Doce), e Jose Manuel García (director de “Comer e Falar”), como moderador.

 

A Festa do Melindre terá lugar os días 7 e 8 de maio, con actividades previas desde o xoves 28 de abril.

Entre as novidades que se avanzan para o 30.º aniversario, atópase unha exposición conmemorativa das tres décadas do evento con paneis informativos e fotográficos, que se inaugurará en Melide o venres 29 de abril.

Ao final do acto serviuse aos medios presentes un café con melindres e agasallouse cunha caixiña doce conmemorativa.